Saturday 18 de May de 2024

O PSOE insta á Consellería de Medio Rural a arranxar os problemas nos accesos ás fincas da concentración parcelaria Parada II (Ordes)


Verónica Gómez e Xesús Pedreira amosáronlle sobre o terreo á deputada Begoña Rodríguez que as entradas ás fincas teñen demasiada pendente e a ausencia dunha correcta canalización de augas pluviais, que acabaría danando as pistas de acceso
A Agrupación Socialista de Ordes levará ao Parlamento de Galicia os problemas existentes na concentración parcelaria de Parada II, onde os propietarios estanse atopando cunhas entradas ás fincas con demasiada pendente sobre a pista da parcelaria e coa ausencia dunha correcta canalización das augas pluviais, que co tempo podería danar as propias pistas da parcelaria. Así o advirte a iniciativa rexistrada hoxe no Parlamento de Galicia polos deputados socialistas Xoaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Pérez Seco, José Antonio Quiroga e Begoña Rodríguez Rumbo.

Precisamente, a deputada cercedense puido comprobar sobre o terreo o estado no que se atopan as fincas da parcelaria “Parada II”, ata onde foi conducida pola concelleira socialista Verónica Gómez e polo secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira. “Despois de ver sobre o terreo o estado tan deficitario no que quedaron os traballos de concentración e acceso ás fincas, imos preguntarlle á Consellería do Medio Rural se ten coñecemento desta situación e se pensa acometer os arranxos precisos á maior brevidade posible para entregarlles tanto á veciñanza como ao Concello as parcelas e as pistas en condicións axeitadas”, explica Rodríguez Rumbo.

Accesos complicados

A voceira municipal socialista, Verónica Gómez, explicoulle a Rodríguez Rumbo que “as entradas de acceso ás propiedades dos veciños e veciñas de Parada quedaron nunha situación moi deficitaria e mesmo hai algúns casos nos que vai ser imposible acceder á parcela sen facer un traballo de desmonte, xa que as pendentes son demasiado pronunciadas”. “Ademais, a empresa que se encargaba de facer os traballos de concentración e acceso ás fincas deixou cantidade de montículos de terra ao lados das entradas”, denuncia Xesús Pedreira, “polo que terían que ser os propios veciños os que terían que custear o seu allanamento para poder usar as súas propias fincas”.

O secretario xeral dos socialistas ordenses apunta tamén que “moitas das entradas quedaron sen colocación de tubos que conduzan a auga e que eviten o arrastre coas choivas, polo que co paso do tempo comezarán a taparse as cunetas e rematarase destrozando as vías de acceso”. “De recibirse a parcelaria nestas condicións, suporía un gasto moi importante tanto para os propietarios e propietarias como para o Concello de Ordes. Un gasto que non teñen por que asumir xa que é responsabilidade da Consellería de Medio Rural entregar a parcelaria nunhas condicións axeitadas”, advirte Verónica Gómez.